Comunicado Club Estudiantes Lugo

11/01/2014

O Clube Estudiantes Lugo quere aclarar a información verquida por un sector da prensa local referente ós horarios da instalación pública coñecida como Anexo.

O noso clube non posúe ningunha instalación para a práctica do baloncesto en propiedade e por iso cada ano, ó comezo de cada tempada, se ve na obriga de solicitar pistas de propiedade pública á Deputación para que os seus xogadores poidan practicar da mellor forma posible o baloncesto.

En Lugo dúas son as pistas que contan cunha dedicación case exclusiva para o baloncesto, son Frigsa e as instalacións do Pazo, incluídas as dúas pistas do Anexo.

Ó Club Estudiantes Lugo solicita e sonlle concedidas cada ano varias horas en diversas franxas horarias nas instalacións do Pazo, únicas instalacións na que o club desenvolve as súas actividades por non influír no organigrama horario doutros clubs noutras instalacións e ante a ausencia de convenios con colexios privados que nos puidesen ceder as súas instalacións, como é o caso doutros clubs.
O Estudiantes é o clube de baloncesto con máis equipos da cidade (14) e con maior número de xogadores nas súas filas desde a categoría infantil ata a sénior. Máis de 150 xogadores toman parte en 5 equipos infantiles, 4 cadetes, 3 xúnior e dous sénior. A isto haberá que engadir 4 equipos preminis e 3 minis co comezo das súas respectivas competicións con aproximadamente outros 100 nenos. En categorías de formación os equipos de Estudiantes Lugo poden verse nas Ligas Galegas masculinas en tódalas idades, sendo o único club da cidade con este merito. Ademáis en feminino compiten en Liga Galega o infantil e o cadete convertendo ó Estudiantes no club da provincia que máis presenza ten nas ligas de ámbito autonómico.

É de supoñer que as institucións teñen en conta o número de equipos e xogadores así como a cantidade de horas necesarias para certos equipos que disputan ligas dun nivel competitivo maior ás locais á hora de repartir as horas de adestramento nas súas instalacións.

Este ano o noso club conta con dous equipos máis, un infantil feminino de Liga Provincial e un xúnior feminino de Liga Provincial. O lóxico, contando con dous equipos máis sería contar con máis horas para que estes dous equipos poidan adestrar por separado. Sen embargo, ó noso club foille concedida para o ano 2013-2014 unha hora menos que a tempada 2012-2013.

Por esta razón son varios os equipos do club que teñen que compartir pista. De esta forma o equipo xúnior de Liga Galega comparte mércores e venres a pista co primeiro equipo de Liga EBA, o Cadete 98 comparte pista co Cadete 99 os venres, o Infantil 2000 comparte tres días á semana a pista co Infantil 2001, non podendo adestrar nunca por separado. O mesmo pasa na sección feminina onde só o Infantil 2000 conta con un día exclusivo tendo que compartir o resto de días a pista co Infantil 2001 ou ben co Cadete 98, o cal á súa vez, se non comparte a pista co Infantil 2000 teno que facer co Xúnior Feminino.

Esperando disipar tódalas dúbidas que puideran xurdir a respecto deste tema, despedímonos dándovos un cordial saúdo a tódolos lectores.


PD: O Estudiantes está aberto a aclarar e contrastar datos con calquera xornalista ou medio ofrecendo a nosa versión e datos e calquera asunto que se queira publicar, algo que ata agora non tivemos a oportunidade de facer.

Comentarios

2012 © CREOWEBS. Diseñamos y creamos